A existencia tras as grúas de Navantia

Teño o privilexio de cobreguear nun oficio que da a potestade de preguntar abertamente, con seguridade, e sendo máis curioso que entremetido. E iso fixen ó longo do verán: preguntar sobre Ferrol e sobre o seu futuro, sobre as súas vantaxes e desvantaxes, sobre o seu tecido social e a visión que se ten, dende múltiples campos de actuación, dunha cidade estraña e cicatrizada. Eu, que sempre contemplei todo cunha certa distancia -a que creaba a ría, a que só aniquila unha lancha que aínda se obceca, para ben de todos, en continuar coa súa escisión das augas-, quería saber que representa Ferrol, que é o que padece.

E tiven a sensación, nas conversas que mantiven con fotógrafos, emprendedores, compañeiros e ata amigos, que todo confluía cara o mesmo destino, cara a mesma rúa, cara a mesma idea: o incrible impacto do pasado na memoria colectiva dos ferroláns, coma se fose moito máis real que a mesma realidade, que o mesmo presente. A imaxe común do Ferrol das últimas rabexadas do século XX aínda parece pervivir, ultradesenvolvida, nas conversas públicas e na propia percepción da cidade. 

Refírome, neste pouco serio artigo reflexivo, á idea dun Ferrol glorioso no monocultivo industrial, cun montante de diñeiro considerable, cunha vitalidade distinta, cun centro de cidade activo, cheo de escaparates, de tendas, de trafego nos fines de semana. O que xa, en esencia, marchou e non está, seguindo o inalterable curso existencial que tanto defendía Heráclito.

Toda esa melancolía que leva a comparar o actual co anterior desenvolve unha actitude negativa, excesivamente crítica e destrutiva, que impide atopar algún aspecto bo na cidade. E que, ademais, o que fai é aniquilar as ganas de transformar, de cambiar, de emprender e de pensar en alternativas distintas que escapen do corpiño industrial. Porque Ferrol está morto, porque é imposible que aquí triunfe nada, porque o mellor é deixalo morrer antes que conxugar as vantaxes da globalidade coas características medioambientais, sociais e económicas da zona.

Quizais esa sexa unha das grandes lacras na autoestima da cidade: a constante comparación co seu pasado, sen ter en conta os grandes cambios estruturais do século XXI: a aparición dos teléfonos móbiles, a democratización e ubicuidade de Internet, a proliferación de centros comerciais, a dixitalización, as redes sociais, o hiperconsumo. A esta autoestima empequenecida súmase a existencia dunha mirada restrinxida ás industrias arquetípicas de Ferrol que prexudica, á súa vez, o nacemento de novos comercios, de novas formas de revitalización económica. Non obstante, é necesario mirar ó futuro con certo optimismo, porque se algo positivo trae o tempo da viralidade virtual é a posibilidade de crear ecosistemas locais -revalorizados, máis importantes que nunca- coas facilidades tecnolóxicas e sociais á nosa disposición.


(Noemí García Reimundez, 2019)

Parece vital, como me comentaba Carlos Muíños, fotógrafo de exploración urbana, idear arquitecturas e, polo tanto, mobiliario urbano, edificios, prazas e espazos verdes que miren ó futuro e non só ó pretérito; Ferrol ten un pasado necesario, vital, que non se debe esquecer, pero é preocupante que a visión dunha época dourada impida a mellora no futuro. Ou, como me dicía Lola Valdivieso, que abriu unha xeadería artesanal no porto de Ferrol, que se estableza un proxecto de cidade a longo prazo que sexa transversal no político, consensuado, interideolóxico. Ou, como me confesaban Juan Pedreira e Veva Paisal, propietarios da firma La Premiere -a que estreou a Plaza de Armas da cidade-, obviar a actitude tóxica e as críticas que se dirixen aos novos comercios emerxentes. Os mesmos, por certo, que interveñen na economía local, que axudan na rexeneración urbana, que se conectan coa intervención e planificación públicas para remar na dirección da transformación social.

Vexo que algúns coñecidos, que ademais non son ferroláns, senón de fóra, falan das vontades de Ferrol. Explícanme, por exemplo, a súa comodidade e a relación entre a calidade de vida e os prezos que orbitan ó seu redor. Tamén, do seu patrimonio natural. Pero reiteran que o modus operandi de antano está en todas partes, que a pasividade xeral é intrínseca ó seu tecido social.

Sigo con moita ilusión iniciativas como as Meninas de Canido. Para min, é unha mostra próxima da capacidade de revitalización da cultura, do social e do artístico; as Meninas de Canido revalorizan o barrio, poñen en conexión a artistas e cidadáns, conlevan movemento e tránsito, mais perduran na posteridade e inflúen na percepción dos veciños do propio entorno no que viven. É o camiño a seguir, máis aló de quitarse as prendas da crítica desmesurada e tóxica e deixar de darse lategazos polo statu quo perdido.

Serei xusto comigo mesmo e tirarei de bezoucoscentrismo: é fundamental aumentar a conexión, ó máximo posible, entre Ferrol e Ferrolterra. Porque ó redor da cidade gravitan municipios cunha personalidade moi marcada e cun patrimonio cultural, social e natural considerable que pode poñer en relación a ferrolterráns, pero tamén a turistas. Se pasamos do teórico ó pragmático, iniciativas como Jazz de Ría, que daba máis valor ó vínculo marítimo entre Mugardos e Ferrol e á mesma lancha, lembranza profunda da relación entre ambas localidades, son fundamentais para tender lazos estables entre a comunidade local de Ferrolterra. Que Ferrol como tal é máis que Ferrol. Que Ferrolterra é grande, que ten dende o misticismo de San Andrés de Teixido ata a medievalidade de Pontedeume, dende a industria de Fene á de As Pontes, da gastronomía mugardesa á potencialidade surfista das praias de Valdoviño. Continuemos, en esencia, con isto que ensina a pandemia: a importancia que ten coidar, analizar, falar e valorar a comunidade e o lugar onde vivimos.  

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.