Ciencia ficción galega: un xénero pendente de renovación

Sempre tivo un espazo marxinal dentro das literaturas europeas e no sistema literario galego non é excepción: a ciencia ficción, tamén chamada ficción científica baixo ese xogo de palabras que pondera máis a imaxinación, continúa a buscar o seu sitio entre editoriais e lectores.

Pero no caso da ciencia ficción galega, quizais a situación sexa máis alarmante que noutros contextos xeográficos e culturais. O gran boom deste tipo de obras viviuse nas décadas de 1980 e 1990, e desde entón non tivemos unha nova época dourada ou, cando menos, prateada. Por motivos complicados de determinar (entrarán en xogo estigmas? prexuízos? mercantilismos?), a ficción científica escrita no noso territorio non puido ter unha liña de publicación continuada, estable ao longo dos anos; non puido consolidar un corpus de autores e autoras de referencia aos que acudir, lectores mozos e maiores, no seu desexo de ler obras do xénero en lingua galega.

A ciencia ficción do país segue pendente dunha urxente renovación. E non é tampouco unha cousa menor.

A importancia de reimaxinar o futuro

A literatura galega enfróntase a dúas cuestións fundamentais. Por unha banda, debe ampliar a súa base de lectores para subsistir a longo prazo e, por outra, debe buscar (polo menos, así se formula en moitas ocasións dentro dos circuítos culturais) a internacionalización das súas historias. A ciencia ficción axuda en ambos casos: alcanza unha nova tipoloxía de públicos e a súa capacidade de popularización suma o seu gran de area no camiño de introducirse en novas culturas.

Porque a ficción científica vai moito máis aló das arquetípicas historias de naves espaciais, alieníxenas e sabres-láser (Star Wars mediante). En realidade, a súa maduración ao longo dos anos permite ver a potencialidade dunhas narracións que nos falan, en última instancia, do porvir da nosa sociedade.

Nun mundo onde a tecnoloxía e os métodos científicos son xa eixos do progreso, substrato do noso día a día, a ciencia ficción transfórmase na ferramenta perfecta para situar enriba da mesa os grandes desafíos tecnolóxicos que temos diante; os dilemas éticos que nos retan coma colectividade.

Imagen de una nébula hecha por la NASA. La ficción científica en general y la ciencia ficción gallega en particular nos ayudan a pensar nuestros límites como seres humanos tanto éticos como físicos.
A ficción científica axuda a pensar nos nosos límites como seres humanos tanto desde unha perspectiva ética como tecnolóxica. // Fotografía dunha néboa feita pola NASA.

Dende a utopía e a distopía, o xénero imaxina futuros alternativos e coloca no centro do debate os límites que desexamos consolidar para alcanzalos (ou distanciarmos deles). As tres leis da robótica que deseñou Asimov, por exemplo, non só serven para estruturar as historias sobre androides: tamén nos levan a determinar como é a nosa relación coas intelixencias artificiais. Outras obras, como Membrana, a novela de Jorge Carrión, pregúntannos directamente que faríamos se, en vez de ser artificiais, foran intelixencias orgánicas: capaces de crear os seus propios estilos literarios, as súas culturas, os seus ritmos, os seus museos. A súa historia.

Por iso mesmo, acceder a obras de ciencia ficción galega é unha vía fundamental para relacionar a nosa cultura con todo o que está por vir. Para que pensemos en temas centrais no mundo de hoxe: que define a creatividade humana? que nos diferencia? como debemos afrontar a nosa relación cultural coa tecnoloxía? que queremos que nos depare o futuro?

E, malia ao seu problema de renovación, aínda podemos atopar algunhas obras literarias con perspectiva galega que nos ensinan que temos moito que dicir dentro do xénero.

Tres obras de ciencia ficción en galego que tes que ler

Quizais sexas un lector de ficción científica, real ou potencial, e atopes un problema de opacidade. Ás veces resulta difícil navegar pola inmensidade de Internet para atopar esas novelas escritas en Galicia, contemporáneas, que conectan cos debates aínda vixentes. Bótalle unha ollada a estas tres recomendacións, porque poden ser un bo punto de partida para inspirarte e engancharte.

Soños eléctricos (Ramón Caride)

Publicada en 1992 por Xerais, e reeditada posteriormente por Aira Editorial, a obra de Caride profundiza na cultura de masas a través dun universo postapocalíptico moi ligado ao rock and roll. Premio Blanco Amor de Novela no seu mesmo ano de saída, está considerada coma un imprescindible dentro da literatura galega polo seu carácter innovador, en consonancia co resto de obras do momento. Ciencia ficción clásica, amigxs!

Portada de la obra Soños eléctricos, de Ramón Caride.
Todo un clásico da ciencia ficción galega. Obra gañadora do Premio Blanco Amor de Novela.

Soños Eléctricos ambiéntase nunha cidade illada do exterior, ecoloxicamente devastada, postapocalíptica, e nunha sociedade dividida en estratos ou clases moi diferenciadas. Da man do seu protagonista, Stevo Dádik, ascenderás e entenderás todas as sombras dun mundo que especula constantemente coa evolución do ser humano sometido ás presións das novas tecnoloxías (xa nos 90s!)

A soidade selénica (Juan Parcero)

A editorial Galaxia abriu o ano pasado a súa propia colección de ficción científica coa publicación de A soidade selénica, do moañés Juan Parcero. Boas novas para o xénero tendo en conta o músculo de produción literaria, o dominio do mercado e a visibilidade de Galaxia dentro do ecosistema cultural galego 👀.

Portada de A soidade selénica, obra de Juan Parcero publicada por Editorial Galaxia.
O territorio lunar convértese nun escenario da novela de Parcero, que ademais estrea a colección de ficción científica de Galaxia.

A novela de Parcero desenvolve toda a súa acción nunha Terra reconvertida en océano esférico, infinito: o pouco territorio firme que queda está poboado por dous bandos en constante tensión e belicosidade. Neste contexto, a esperanza do ser humano recae na súa capacidade de explorar e terraformar outros planetas canto antes.

Para intentar conseguir ese fito, Loia, a protagonista, someterase a unha proba de supervivencia que a levará ata a soidade da lúa, ao seu silencio selénico, da man de dous xemelgos que a prepararán para esta nova realidade. Unha narración estilisticamente moi coidada que nos falará, entre outras cousas, do medo ao descoñecido.

Mutacións xenéticas (Fina Casalderrey)

Se estás buscando autoras do xénero que, ademais, conecten co público infantil-xuvenil, gran parte da túa atención podería recaer en Fina Casalderrey, que se deu a coñecer no mundo das publicacións a través de Mutacións xenéticas (Xerais, 1998).

Portada de Mutacións xenéticas, de Fina Casalderrey.

Fronte aos espazos máis apocalípticos doutras historias do xénero, Mutacións xenéticas presenta as primeiras vacacións de Hadrián, un período temporal que en principio semellaba aburrido, pero que logo se transformarán en trinta días de descubrimentos alucinantes.

Entre medias, o propio Hadrián enfrontarase contra un estraño ser, invadido pola loucura, que desexa aniquilar toda liberdade humana. Unha historia ideal para enganchar á lectura (e, todo sexa dito, tamén á ciencia ficción galega).

Urco editora: como encher un baleiro histórico na literatura galega

Ao longo de toda a historia do sistema literario do país, hai un intento paradigmático por aglutinar as publicacións de fantasía, ficción científica e terror en galego. Urco Editora nacía así en 2007 coa clara intención de encher ese baleiro histórico, solidificando unha oferta de tres xéneros que acometese por fin a necesaria renovación que defendemos neste artigo.

As coleccións literarias de Urco sistematizaron as novelas de especulación científica, pero tamén se converteron na principal referencia de literatura especializada para os lectores. Urco Editora deu voz a unha remesa de autores contemporáneos que desexaban ter un espazo propio dentro da industria galega, pero tampouco esqueceu traer ao galego traducións de grandes clásicos, desde Orson Scott Card a Jack London ou Jules Verne, que enriquecían o ecosistema editorial do país.

blue green and red light
Urco paralizou a súa actividade, mais ten unha herdeira: Boadicea Editora naceu en 2022 para contribuír á fantasía, terror e ciencia ficción en lingua galega. Unha pequena alegría! / Fotografía de FLY.

A única mala nova: paralizou a súa actividade como editorial en 2021. Ata a data, a súa páxina web e as súas obras publicadas en circulación lembran constantemente a posibilidade de materializar un soño así: o de ter novelas de ficción científica con raíces en Galicia predispostas a analizar o mundo desde a nosa idiosincrasia. Desde a nosa cultura, debatendo os límites da ciencia e do progreso tecnolóxico.

Polo ben de todos os nosos futuros alternativos, a ficción científica galega ben merece unha oportunidade. E xa hai algunhas iniciativas que dan esperanza, que se atreven a coller o testemuño de Urco: xusto o ano pasado agromaba Boadicea Editorial, un proxecto de produción literaria que se centra na fantasía, o medo e a ciencia ficción para crear un catálogo en galego que se relacione coa tradición europea, asiática e anglosaxona de cada un dos xéneros. Un dos seus primeiros títulos: a tradución de Ubik, a emblemática novela de Philip K. Dick.

Agora, aos creadores só nos queda armarmos de inventiva e ser conscientes de que a forza non se atopa unicamente no noso interior, senón tamén na superficie desgastada dos nosos teclados. É o momento de botarse a escribir: a renovar coma poidamos unha das patas das industrias culturais de Galicia.

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.