🙋‍♂️ Sobre min

pablo j. rañales

Retrato creado automaticamente pola IA xenerativa drawanyone.

Do 1999 e dunha pequena vila mariñeira: Mugardos, A Coruña.

Como sempre me gustou contar historias, gradueime en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e decidín poñerme un reto persoal: vivir da escritura —en sentido amplo—. Para intentar conseguilo, son parte dun grupo literario local, Círculo de Ares, co que compartín os meus primeiros proxectos dentro do mundo da edición: a autopublicación de dúas obras e algunhas experiencias como profesor de escritura creativa.

Nisto do xornalismo, pasei pola redacción de La Voz de Ferrol e cofundei un pódcast que defende, entre outras cousas, a subxectividade xornalística e a análise lenta da política galega: Carretando. Tamén formei parte durante case dous anos do Gabinete de Comunicación Institucional do Concello de Ares: notas de prensa, contidos para redes sociais, relacións informativas… e logo montei, xunto con outros compañeiros, Xacias, unha cooperativa de comunicación política. 

Despois de formarme no Máster en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais da UVigo, compaxino a miña labor coma cooperativista coa xestión do Gabinete de Alcaldía do Concello de Ares. Tamén escribo sobre literatura e cultura dixital nA hora tardía, a miña newsletter, e procuro facerme un oco coma novelista de fantasía, ciencia ficción e terror.

A literatura deume tres grandes alegrías: Siervos de Tinta (Valhalla Ediciones, 2021), En la chepa del busero (Valhalla Ediciones, 2023) e Os afogados (Editorial Galaxia, 2023), as miñas tres primeiras novelas. Coa última gañei o VII Premio Illa Nova de Narrativa🧡