Xénese textual (I): Espigas queimadas e a orixe

Xénese textual é un recompilatorio de notas sobre o proceso de xestación dalgunhas das miñas novelas. Unha memoria creativa para entender mellor as circunstancias, os problemas e os xermolos da escritura.


Primeiro foi a imaxe. Espigas queimadas tivo un nacemento claro e estival: a semente desta novela curta de terror psicolóxico plantouse nunha habitación do Hotel La Terraza en Miño, namentres se producía a Feira da Cultura EnCamiño de 2024. Consulto as datas no calendario do móbil para oficializar o momento exacto do seu nacemento: a mañá do vinte de xullo, despois da pernocta como autor convidado dentro do ciclo de actividades do evento.

Lembro o clima: a choiva e o ceo nubrado, confuso, malia ser xullo. A calma total. E tamén o aburrimento, despois de almorzar e ler os libros adquiridos a xornada anterior na feira. O silencio, o abatemento, tirado na cama do cuarto sen ningunha opción atractiva por diante. As amizades literarias entretíñanse na organización, e a climatoloxía do momento impedía o paseo, a divagación.

É entón cando chega o pensamento, unha pregunta-xermolo: como sería estar atrapado nunha habitación de hotel por tempo indefinido? Sen ninguén no exterior, o mundo desaparecido, e convivir cun fastío mortuorio, coa sensación de ficar enxaulado. Ese aburrimento extremo fíxoseme, de súpeto, interesante.

Só quedaba engadir capas: que o encarceramento fose protagonizado por unha parella en descomposición, en agosto, sen aire acondicionado, lanzándose reproches até esgotarse. O horror, o mal que se pasaría. O río de matices desemboca nas notas do teléfono móbil. En media hora teño a estrutura que quero, moi cronolóxica, e o tono: a novela sen nome ten que abrasar, debe asfixiar. E dentro dela hai suor, calor, rabia.

Unha historia de terror sobre un bucle afectivo. Teño o núcleo. A idea-matriz.

*

Rumio a novela durante ese verán de 2024. Doulle voltas na cabeza, anoto en cadernos e no móbil, e tamén hai unha parte de min que dubida se darlle espazo xa: a esas alturas do período estival, traballo nun libro de relatos sobre as feridas da mocidade. Gustaríame rematalo antes de empezar con outra historia. Pero sinto que Espigas queimadas loita por saír do meu embigo, e cando me sento a escribir o seu inicio, sorpréndome do fácil que saen as palabras. Despois dun tempo onde a escritura doía, a súa fluidez dáme a resposta: o seu momento é agora. Debe nacer xa.

Constrúo un taboleiro de Pinterest para entender que emocións habitan dentro da novela. E a súa solidificación axúdame a camiñar pola parte máis inconsciente do proxecto. Porque esta obra tiña que ser, fronte ó raciocinio de Os afogados, víscera. Dándolle relevancia aos corpos, á carne.

Taboleiro de referencias visuais da novela curta Espigas queimadas

Co taboleiro de Pinterest entendín a evolución emocional da obra. Como transitaría da desidia e o aburrimento á idea dos corpos coma cárceres, ao desdebuxamento das identidades. Até que as persoas confinadas fosen máis monstros que humanos. Violencia feita carne.

O seguinte que marca o proceso inicial da novela é atopar a espiga. Necesitaba un obxecto simbólico que achegase algo de subtexto ó relato. Estaban xa, despois de rumiar, os bucles, os círculos, as repeticións, mais nun paseo por Lubre, en Ares, vexo o millo e todo cadra: unha espiga amarela que se queima polo sol, sobreexposta, calcinada, igual que a parella que ficará atrapada nunha habitación de cristaleiras corridas.

Todo está no seu sitio. Os corpos, as personaxes, o tono, a paisaxe. Unhas notas do móbil que tiran de min, que me reclaman. E abandono por fin as dificultades para escribir: habito, de agora en adiante, os bucles de Papá Piornedo.

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.