Teño o privilexio de cobreguear nun oficio que da a potestade de preguntar abertamente, con seguridade, e sendo máis curioso que entremetido. E iso fixen ó longo do verán: preguntar sobre Ferrol e sobre o seu futuro, sobre as súas vantaxes e desvantaxes, sobre o seu tecido social e a visión que se ten, dende múltiples campos de actuación, dunha cidade estraña e cicatrizada. Eu, que sempre contemplei todo cunha certa distancia -a que creaba a ría, a que só aniquila unha lancha que aínda se obceca, para ben de todos, en continuar coa súa escisión das augas-, quería saber que representa Ferrol, que é o que padece.
E tiven a sensación, nas conversas que mantiven con fotógrafos, emprendedores, compañeiros e ata amigos, que todo confluía cara o mesmo destino, cara a mesma rúa, cara a mesma idea: o incrible impacto do pasado na memoria colectiva dos ferroláns, coma se fose moito máis real que a mesma realidade, que o mesmo presente. A imaxe común do Ferrol das últimas rabexadas do século XX aínda parece pervivir, ultradesenvolvida, nas conversas públicas e na propia percepción da cidade.