É moi tentador: a facilidade de acceso a ferramentas de creación de contido convidan a calquera xornalista, publicista, filólogo, historiador, escritor ou científico a montar un proxecto propio. E as mesmas industrias culturais presionan a ter algún tipo de iniciativa que sintetice as nosas habilidades para o mercado laboral.
Semella verdade categórica que o portfolio segue a ser a mellor presentación dun perfil creativo, moi por enriba dun número alto de seguidores en redes sociais ou o mantemento dunha cadencia de publicación de contidos dixitais a todas luces insostible. A cuestión é que, nalgún momento das nosas vidas, un acaba pensando se facer realidade ese pódcast. Ou a newsletter. Ou a conta de Instagram para vestirse de crítico cultural. Ou o Tik Tok divulgativo. E, se non, o blog especializado. Nós mesmos (é lóxico) desexamos alimentar a nube; nutrir o ecosistema de contidos.
Facémolo por gusto. Metémonos na ilusionante alegría de xuntar unhas cantas amizades e pensar nun nome, nun formato. Nun logo chulo. E aí está xa o espazo creativo no que traballaremos sen ser moi conscientes de todo o que implica á hora de xestionar relacións: as que tes coas amigas e cos convidados, pero tamén as que manterás co teu mesmo proxecto.
Diso vai este texto: serán unhas pobres anotacións dun xornalista que viviu exactamente isto, a ilusión e o desexo e a alegría de organizarse, tomar os micrófonos e materializar Carretando, o podcast da política galega. Ese foi o enredo de seis estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, catro xornalistas que compartían carreira e dous politólogos, todos eles cun interese común e unha visión do xornalismo independente compartida. Dous anos despois, seguimos en pé, que é moito dicir, e asumimos a evolución orgánica do proxecto.
Imos aló: que se liberen as anotacións persoais e que, sobre todo, sirvan de utilidade se estades pensando en pasar de axentes pasivos a creadores/as dunha prolongación propia.
ANOTACIÓN 1: A maior pracer, maior autoexplotación
Un parágrafo de Notas á marxe, a newsletter/pódcast cultural das xornalistas Belén Teiga e Carmen Novo, reflicte ben a conexión entre precariedade e autoexplotación:
Escribir esta newsletter non foi unha tarefa doada. Comezamos o proxecto con moitas ganas, pero a medida que transcorrían as semanas fomos conscientes do evidente. Sacar tempo para escribir convértese, en moitas ocasións, nunha tarefa titánica, case de resistencia física. Mentres terminamos de editar estes parágrafos o reloxo marca a unha da mañá. Aquí, coa pantalla do ordenador alumeando a nosa cara, bebemos unha taza de café. Esta vez si, o último do día. Dependemos economicamente dun traballo e, ao saír polas tardes, agora que é primavera e comeza a facer bo tempo, levar sobre os ombros outra responsabilidade pesa demasiado. Ás veces non temos moita forza e aínda non cumprimos os vinte e tres anos. A etapa de transición cara ao mundo adulto, que comezamos hai uns meses cos nosos primeiros contratos laborais, é como unha carreira de fondo.
Para facer esta newsletter necesitamos vacacións (abril, 2023)
Creo que admitir cousas así, amais dun exercicio de reflexión e pausa, ten condición sanadora por partida dobre. Primeiro para elas, por exteriorizalo e admitilo, pero tamén para o resto, que comprende a complexidade detrás do mantemento de proxectos que non presentan un obxectivo explícito de rendibilidade económica, senón de curiosidade e vocación intelectual.
Eu aprendín que canto máis interese tes por un tema, canto máis grande é a (necesaria) motivación, máis fácil é caer no frenesí do proxecto. Tiras cara adiante, aumentas o ritmo de produción, medra a túa comunidade e só pensas en satisfacer a demanda algorítmica, sempre acelerativa. E iso só se pode cumprir asumindo procesos de autoexplotación: eliminando da ecuación os descansos, os tempos para ti, e enchendo os momentos de ocio, esparcimento e desconexión de tarefas.
Escribir despois de oito ou máis horas de xornada unha newsletter; saír de traballar e comezar a facer creatividades para redes sociais; gravar as locucións con présa porque hai que cumprir. Así, o pracer do inicio será, dunha forma ou outra, transformado noutros conceptos. Cansazo. Falta de ilusión. Agroma a autoexplotación que se combate dende un verbo místico: parar.
ANOTACIÓN 2: Podes parar máis do que cres
Falabamos antes das esixencias algorítmicas. Cando o proxecto depende da difusión en redes sociais, as dinámicas de autoexplotación crecen exponencialmente: traballas moito en construír comunidade, en crear contidos adaptados, as métricas melloran, e ao ver os números en verde, ti só queres mantelos e aumentalos.
Comezas a trazar unha calendarización, da man dunha rutina autoimposta que se estrutura en base ós desexos dos algoritmos. Publicamos ás horas que demandan, unhas cantas veces por semana para non perder frecuencia, agora lanzamos o reel que visibiliza Instagram, e pensamos en Tik Tok pola súa viralidade. Ampliamos as embaixadas do proxecto. Ampliamos, tamén, a insostibilidade.
Nós vivimos algo así en Carretando. E houbo un momento onde os responsables de redes sociais daquel momento, Román Varela e eu, quedamos sen folgos. É importante estar en redes sociais, por suposto, pero os algoritmos demandan moito e ofertan pouco: todo depende do seu capricho. Non hai unha correlación entre esforzo-recompensa. Se tes que elixir entre a calidade do formato estrela (o pódcast, a newsletter, os artigos do blog), xunto coa saúde mental, ou perder enerxía en redes, é mellor elixir o primeiro.
E, sobre todo, pensa que neste tipo de proxectos amateurs ou semiprofesionais, a comunidade non desaparece. De feito, entende e comparte a necesidade de descansar. Un parón quizais sexa a mellor maneira de repensar a situación do proxecto e gozar, de novo, da creación.
En Carretando medrou a nosa comunidade en xeral non tanto por un hiperesforzo en comunicación dixital. Foi, dende a miña perspectiva individual, porque transformamos o formato dos pódcasts cara algo máis asumible en tempos de consumo e produción interna. Incorporamos máis conversación e reestruturamos a nosa axenda temática, sen perder identidade, para aproveitar os debates públicos arredor das eleccións municipais (o «momento social») do 28 de maio de 2023. Melloramos o produto do proxecto e tamén renovamos a nosa ilusión por el. Seguimos en redes, pero sen obsesións.
🚐 Paramos, descansamos. E a comunidade non desapareceu.
ANOTACIÓN 3: Descarga o whatsapp de seriedade
Esta é unha teima moi persoal por iso da comunicación interna, pero en ocasións ben pode servir para separar os ocos de ocio dos de traballo/responsabilidades. Nós decidimos que o whatsapp do noso pódcast se convertise nun espazo para o meme, a análise cuñada e a lembranza de que estamos alí por un interese común pola política galega.
Pode haber algunha mensaxe urxente nese grupo de whatsapp, pero o traballo semanal, os comentarios, a organización de tarefas… está volcado nun Discord privado. Podes elixir telo só no ordenador, no móbil coas notificacións desactivadas… e así xa sabes que as conversas que hai no teléfono son máis para botar unhas risas ou atopar algunha recomendación dos amigxs.
ANOTACIÓN 4: Coordina, mais non manda
Se o teu proxecto creativo ten vocación democrática e aplica unha toma de decisións horizontal, sen xerarquías autoritarias, é importante isto: os coordinadores/as de tarefas axudan moito a que os procesos de traballo vaian mellor.
Non se trata de tomar decisións que afectan a outros unilateralmente, pero si que, cando haxa varias persoas de por medio (máis de dous, polo menos), cadaquén teña claras as áreas das que se encarga. Que haxa roles, necesidades e tarefas a executar é normal nun proxecto que evoluciona: o esencial é que o reparto sexa o máis xusto posible e que os coordinadores non manden, pero si organicen o que se precisa.
ANOTACIÓN 5: Incorporar a novas persoas pode costar máis do que cres (e non pasa nada)
En ocasións, pode ser que pensedes en aumentar os axentes involucrados na iniciativa por pura necesidade. Que entren novas ideas, aire fresco, que se alivie a carga de traballo… Pero non será algo fácil por unha cuestión básica: a vinculación emocional do grupo promotor permite que eles mesmos asuman esforzos que outra persoa con maior distanciamiento non está disposta a asumir. Con toda lóxica mundial.
Non é un problema teu, nin tampouco da boa xente que incorpores. Os proxectos creativos demandan un compromiso que se constrúe a medio-longo prazo e que non toda persoa pode edificar. Sumar a alguén novo conleva moitos esforzos para que non se asuste: explicarlle ben o que pode facer no equipo, cara onde vai o pódcast/newsletter/micromedio/conta de Instagram, o tolos que estades…
ANOTACIÓN 6: Non sempre hai que profesionalizalo
Pechemos cunha idea que non está de máis repetir nun mundo aos pés do mercantilismo: non tes por que trazar grandes obxectivos. Non tes por que monetizar o que fas, nin moito menos pensar só en termos de profesionalización. No contexto en galego, é fundamental contar con iniciativas alternativas de carácter profesional, dende o podcasting ás publicacións textuais, si, pero existen moitas razóns válidas para aproveitar as ferramentas de creación de contido.
Xogar, coñecer e falar con xente interesante; probar un formato distinto; pasalo ben; acceder a conversas que non están no teu día a día; axudar a visibilizar o que se organiza na túa comunidade local ou a talentos artísticos emerxentes… As túas metas poden ir máis aló do cuantificable, do produtivo. E está ben.
E se, aínda por enriba, constrúes iso que conceptualizan coma marca persoal e reputación, pois mellor que mellor. Pero que ninguén meta no corpo a obrigatoriedade de monetizar ata os momentos lúdicos. Podes optar por facelo para ter unha motivación extra ou garantir algún tipo de compromiso coa audiencia, pero é iso, unha opción.
BONUS TRACK: Proxectos creativos que molan
Antes de marcharme, toca recomendar algunhas iniciativas xeitosas que se fixeron realidade nos últimos anos e que, entre outras cousas, proveñen da xeración Z e para a xeración Z. Novos discursos, novos enfoques e formatos dinámicos para públicos distintos:
GUÍSOMO EU
Serei sincero: este artigo nace a partir dunha conversa coa xornalista Uxía Miranda, cofundadora de Guísomo Eu, un «patio de xogo e espazo de creación», segundo a súa propia descrición, arredor da súa iniciativa e de Carretando.
O seu proxecto convértese nun agradable lugar dixital onde atopar arte alternativo galego e novas voces culturais. Tamén teñen parte analóxica: organizan fanzines, obradoiros e eventos de dinamización social por Galicia adiante. Hai moita personalidade, traballo e cariño no que fan.
NOTAS Á MARXE
Falamos delas, de Belén Teiga e Carmen Novo, e agora vaiamos ao seu bichiño: Notas á marxe difunde pensamentos, lecturas e inquedanzas, atopa novas obsesións, descobre novas autoras e achega momentos de pausa. Paseade polo seu boletín e pódcast!
Gústame ler as orixes do proxecto, a súa vocación de placer: «Notas á marxe nace dunha morea de conversas nun sofá. A literatura e a cultura, de forma xeral, sempre foron unha parte importante das nosas vidas. As dúbidas, os cuestionamentos e as ganas de compartir o que pensamos – e escoitar o que pensa o resto- son o que nos levou ata aquí».
ACOUSA
ACOUSA actúa coma unha sorte de revista fragmentada entre Tik Tok, Instagram e Twitter feita para a mocidade galega. Moda, gastronomía, maquillaxe, literatura, cine… As temáticas bailan entre pílulas audiovisuais e deseños con marcada identidade gráfica.
Unha recomendación: que visites os seus reels para achegarvos rapidamente á súa variedade de enfoques, permutando entre a sostibilidade da moda, as recomendacións culturais ou as receitas.
E así, xa sen encabezado, vai o último proxecto: se estadese buscando unha newsletter en galego sobre cultura dixital e literatura, polo Substack atoparedes A hora tardía. Esa é a miña prolongación persoal para falar sen présas, sen reloxos, con moitos descansos, das cousas que dan sentido ó noso mundo: os libros, os algoritmos, os contidos, os obxectos emocionais, as pantallas, as boas persoas, os poemas, as amizades ou os amores. 🧡