Xénese textual (II): Espigas queimadas, os bucles e as referencias

Xénese textual é un recompilatorio de notas sobre o proceso de xestación dalgunhas das miñas novelas. Unha memoria creativa para entender mellor as circunstancias, os problemas e os xermolos da escritura.

👉 Consulta a anterior entrada xusto aquí.


De forma orgánica, sen explicacións de por medio, síntome atraído polos bucles namentres escribo o primeiro borrador de Espigas queimadas. Adquiren condición simbólica: sei que dentro da novela debe desenvolverse un xogo arredor do que se repite, ao tempo que se fala da idea de parar o mundo enteiro. Detiven, na ficción, este frenesí vital, a condena de autoexplotarnos para producir.

Quería narrar un dos grandes males do século XXI. O bucle como síntoma e doenza, porque vivimos en runrúns mentais, en bucles dos que non sabemos como saír, onde non podemos escoitar. Conforme avanzo na novela, percátome de como os protagonistas —e non só o espazo, o que vén— entran nos seus bucles físicos.

Alba e Rafael repiten os movementos, camiñan cara ao baño unha e outra vez, e constato que na súa relación amorosa tamén se reproducen un gran número de bucles afectivos. O seu vínculo é un círculo no que dan voltas, rodeos, e do que non teñen nin idea de como saír, xusto como lles pasa fisicamente na habitación do Piornedo.

E ao tempo que avanzan as páxinas, tanto o cuarto do hotel como a relación que os une se fan inhabitables. Alba e Rafael principian cunha despersonalización que ata lles fai perder a linguaxe. Perden os seus nomes, e así transmutan de humanos a animais. Esquecen o pasado. E mesmo a voz narrativa comeza a tratalos non como Alba e Rafael, senón como o home e a muller. Compañeiros de cuarto, mais non parella.

A linguaxe tamén se achica xunto a este proceso de deshumanización, e o narrador entra nos seus propios bucles descritivos: repite as estruturas sintáticas, enfatiza a estética do cárcere. A musicalidade da novela introdúcese no seu propio círculo vicioso. Todo enbucla. Como as nosas mentes con ansiedade.

O vínculo social agora é unha esfera da que non se pode fuxir.

Algunhas referencias: o terror do eterno retorno, a malignidade dos espazos

Probablemente Espigas queimadas non existiría sen a lectura de El último día de la vida anterior (2023, Editorial Anagrama), unha novela fantasmagórica de Andrés Barba que indaga na soidade, na propia noción dos bucles das nosas vidas, e que resulta ao mesmo tempo perturbadora e envolvente. Chegar até ela foi chave para pensar arredor da miña propia visión dos procesos cíclicos.

Con todo, era consciente de que Espigas queimadas xogaría inevitablemente coa idea do eterno retorno. Así que visitei algúns poemas de Borges (en concreto, La noche cíclica), as páxinas de La insoportable levedad del ser, de Milan Kundera, e tamén algunhas interpretacións nietzscheanas do concepto. Porque serían, como o mito de Sísifo, parte do alimento para xerar os subtextos da repetición como horror.

A última pata destas lecturas cruzadas, de obras en diálogo, estaba na tradición narratolóxica dos espazos malignos. Porque Papá Piornedo —a casa rural como entidade con vida propia, a terceira protagonista— bebía desa noción romántica dos edificios, das paisaxes, xenuinamente malvados: capaces de contaxiar ao ser humano de escuridade. E viceversa.

Volvín a El Resplandor, de Stephen King, para entender a relación entre o hotel e a tolemia. A Cortázar, co seu relato Casa tomada, para comprobar o tono angustioso de todo o conto: a sensación de invasión, de saberse acurralado. E, despois de dialogar con Edgar Alan Poe na adolescencia, regresei a La caída de la casa Usher para beber dese ambiente lúgubre, mais tamén de como os espazos nos que vivimos reflicten o que teñen dentro, nos estómagos, nas cabezas e nos corazóns, os seus mesmos inquilinos.

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.